Sunday 05 de May de 2024

O sábado inaugúrase o novo campo de fútbol municipal do norte do municipio


Todos os veciños e veciñas do municipio están invitados a participar no acto de inauguración do novo campo de fútbol municipal do norte do municipio que se celebrará o vindeiro sábado 17 de setembro, ás 17:00 horas. Unha vez realizado o acto protocolario, serán os nenos e nenas dos equipos benxamíns dos distintos clubs do municipio os que estrearán o campo coa disputa duns partidos amigables.

Situado na rúa Fonte Cuba, este recinto deportivo ocupa unha superficie de 16.000 metros cadrados. O Concello realizou un investimento próximo aos 4 millóns de euros. Primeiramente houbo que adquirir todo o solo a 26 propietarios para despois realizar as obras de adecuación do terreo, peche, colocación de céspede artificial de última xeración, instalación de torres de iluminación con tecnoloxía led, construción de grada cuberta, vestiarios, almacéns, accesos, axardinamento e aparcadoiro.

O obxectivo que se persegue coa creación desta instalación é continuar mellorando a oferta de infraestruturas públicas para o deporte. Nunha sociedade cada vez máis sedentaria, cuns índices de obesidade infantil en alarmante crecemento e no que o abuso das tecnoloxías provocan hábitos sociais moi prexudiciais para as relación persoais, resulta necesario o desenvolvemento de políticas públicas para o fomento da práctica de actividade física regular, a realización de adestramentos en grupo e a transmisión de valores tan importantes como o esforzo persoal, a constancia ou o afán de superación. Investir en deporte é sementar un futuro de saúde e convivencia.